ACUICULTURA - ESPAÑA: Alumnos dos ciclos de acuicultura do Igafa realizan unha viaxe de orientación laboral a Italia

Jueves, 19 Junio, 2008
Unha vintena de alumnos dos ciclos medio e superior de acuicultura e tres mestres do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, atópanse esta semana en Italia no marco dunha viaxe de orientación laboral. Esta iniciativa ten como obxectivo que os estudantes coñezan de primeira man instalacións acuícolas con sistemas e especies de cultivo diferentes ás existentes na nosa Comunidade Autónoma.

As viaxes de orientación laboral nas que participan alumnos do Igafa desenvólvense cada ano ao remate do curso escolar e considérase que constitúen un bo complemento para acadar a capacitación profesional dos estudantes do centro. De feito, a importancia destes desprazamentos reside en que hai alumnos que deciden completar a súa actividade profesional fóra da nosa comunidade autónoma e, de aí, a relevancia de que coñezan novos sistemas de cultivo.

Nesta ocasión, a xornada de partida foi o pasado sábado, 14 de xuño, e ata o día regreso, o 21 de xuño, os alumnos e os mestres do Igafa percorrerán diversas áreas e visitarán diferentes instalacións de acuicultura ubicadas na rexión de Venecia. Así, trasladaranse aos parques de moluscos da Laguna veneciana, á vez que poderán ver de preto o preengorde de ameixa en sistema fixo e flotante, así como estanques de terra con robaliza ou dourada. Ademais, está previsto que se despracen á Laguna de Scardovaria para ver os postes fixos de cultivo de mexillón, os desembarques de ameixa e mexillón e para visitar a depuradora do Consorzio Cooperative Pescatori del Polesine.

Ademais, percorrerán o peirao de Chioggia, onde lles serán explicadas as diferentes artes de pesca empregadas polos barcos dese porto pesqueiro, e coñecerán a lonxa desta localidade. Ademais, visitarán as instalacións da empresa Trotticoltura Santa Cristina e o catamarán factoría de Visma, unha compañía que emprega os long-line para o cultivo de mexillón e ostras en lanternas.

A viaxe laboral dos alumnos do Igafa tamén inclúe o paso polos parques de ameixa da Laguna de Caleri, unha demostración de biomanipulacións no lago de pesca deportiva deportiva San Antonio de Selvazzano e unha visita ao centro de investigación Istituto Centrale per la Ricerca Applicata al Mar (ICRAM).

Aberto o prazo de preinscrición

Por outra banda, dende a Consellería de Pesca quérese informar de que, dende onte e ata o vindeiro 2 de xullo, está aberto o prazo de preinscrición para os ciclos ofertados polo Igafa de cara ao vindeiro curso. Deste xeito, as persoas interesadas en estudar no Instituto Galego de Formación en Acuicultura poden optar a 40 prazas do Ciclo Superior de Acuicultura, a 20 prazas do Ciclo Medio de Acuicultura e a 12 prazas do Ciclo Medio de Mergullo.

O período de matrícula desenvolverase a finais do mes de xullo e, pola súa banda, a actividade lectiva comezará a segunda quincena de setembro. Para obter máis información, os interesados poden dirixirse ao propio centro a través dos teléfonos 986 52 71 01/02.