ACUICULTURA - ESPAÑA: Entrevista a Alicia Estévez Toranzo, directora del Departamento de Microbiología y Parasitología de USC

Miércoles, 5 Marzo, 2008

De feito, o crecemento do Departamento levou a que os despachos e laboratorios da Facultade de Bioloxía se estean trasladando na actualidade a un edificio próximo, o Cibus, o novo Centro de Investigacións Biolóxicas, cunhas instalacións máis modernas e apropiadas.

Un persoal numeroso e tamén heteroxéneo

En canto ó persoal deste Departamento, na actualidade intégrano dez catedráticos de universidade, vinte e ­dous profesores titulares e oito investigadores contratados no marco dos programas Ramón y Cajal ou Parga Pondal, á parte da xente que fai investigación predoutoral ou posdoutoral. Ademais, apunta Alicia Estévez que "a investigación cada vez é máis multidisciplinar: non só colaboramos entre nós dentro do Departamento, senón con grupos de investigación ­doutros departamentos, como os de Bioquímica, Farmacoloxía, Fisioloxía... e esta colaboración ás veces plásmase na composición dos nosos grupos de investigación, que non están formados só por persoas de Microbioloxía e Parasitoloxía". Estes grupos son as unidades que se establecen para realizar investigación, dentro dos departamentos, e no caso do de Microbioloxía e Parasitoloxía, son once grupos, catro deles recoñecidos como grupos de excelencia ou grupos de referencia competitivos.

Por outra banda, Alicia Estévez fai unha precisión, e é que "hoxe en día, a función do director dun departamento na Universidade cada vez é máis reducida, porque se encarga fundamentalmente de coordinar a docencia. Non ten moitas atribucións na coordinación da investigación, porque xa son os propios grupos os que independentemente a realizan, pero, de todos xeitos, como directora de departamento é un orgullo facer propaganda da investigación que nel se realiza".

E debido á amplitude do departamento, as liñas de investigación son moi diversas. Ó respecto explica a directora do departamento que "hai unha serie de grupos que están traballando en patoloxía na acuicultura, tanto desde o punto de vista básico como desde o aplicado, de servizos ás empresas; tamén hai unha serie de grupos centrados en seguridade alimentaria, que están traballando no Instituto de Alimentos e na Facultade de Veterinaria de Lugo; tamén hai grupos que se dedican máis ó diagnóstico, tratamento e prevención de enfermidades infecciosas desde o punto de vista clínico, e grupos dedicados fundamentalmente a microbioloxía industrial e biotecnoloxía".

Un campo de futuro dentro da acuicultura

Un dos ámbitos nos que o Departamento é máis forte é o da acuicultura, que é tamén un dos sectores con máis proxección na nosa economía durante os últimos anos. Concretamente, explica Alicia Estévez que "o meu grupo está traballando en patoloxía en acuicultura: diagnóstico, control ou prevención (con vacinas), e diso temos algunhas patentes na Universidade xa transferidas á industria veterinaria. Tamén é moi importante que desenvolvemos métodos de diagnose molecular baseados na PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa) para o diagnóstico rápido de patoloxías en peixes, que pode detectar incluso portadores asintomáticos, para previr a aparición da enfermidade. É de especial importancia no caso de exemplares reprodutores, porque se poden aplicar eses métodos sen destruír o reprodutor e iso á empresa interésalle moito".

Isto sería investigación aplicada, directamente utilizable polas empresas, pero o grupo tamén se dedica á investigación básica: nese sentido Alicia Estévez destaca "a identificación de xenes de virulencia dos patóxenos, que axuda a dilucidar o mecanismo de infección, e que podería ter unha aplicación futura".

Á parte, existe outro grupo que tamén traballa en acuicultura, pero desde o punto de vista da nutrición: dedícanse a modificar a composición bioquímica das microalgas mariñas que se utilizan como cultivos auxiliares nas plantas de acuicultura, pois estes organismos son moi relevantes na cadea alimentaria dos peixes mariños, xa que ordinariamente se empregan para a alimentación das larvas que á súa vez lles serven de alimento ós peixes.

A compaxinación da actividade docente

Toda esta actividade investigadora debe combinarse coa docencia, e isto non sempre é fácil: "afortunadamente", di Alicia Estévez, "na confección do Plano de Organización Docente vaise contemplar o esforzo investigador por primeira vez. Deste xeito contémplase unha desgravación de horas para cada profesor segundo a investigación".

Outro aspecto relacionado coa docencia das materias que imparten os profesores do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía é o xeito no que se fai, e sobre isto sinala Alicia Estévez que intentan facerlle ver ós alumnos a importancia destas ciencias para a sociedade.

De feito, subliña que "nos xornais case todos os días hai algunha noticia relacionada coa microbioloxía: que se un brote de legionella, que se a nova vacina do papiloma, que se toxiinfeccións alimentarias, que se obtención de novas substancias para a industria farmacéutica..., mais esta información non sempre é tratada axeitadamente nos medios de comunicación. Oxalá os microbiólogos sexamos capaces de formas persoas que saiban valorar o precioso agasallo que a Microbioloxía lle fixo á humanidade".