ACUICULTURA - ESPAÑA: A Feira de Acuicultura de Vilagarcía acollerá do 3 ao 5 de xuño 180 marcas e expositores de 26 países

Viernes, 30 Mayo, 2008

O director da feira de Acuicultura, Andrés Gradín, definiu esta feira internacional como un evento "100 por cento profesional" que foi acrecentando o seu prestixio con cada edición. Así o demostra o interese que espertou no sector ata o punto de atraer a esta terceira edición a 180 marcas correspondentes a 26 países, algunhas aínda non rexistradas oficialmente pero que xa remitiron a súa petición para participar a través de Internet.

Nas súas declaracións, o director de ACUI destacou a importancia das xornadas técnicas, nas que departamentos científicos das principais universidades españolas presentarán os resultados das súas investigacións e os avances máis representativos en materia de acuicultura.

Entre os contidos a desenvolver abordaranse temáticas como a biotecnoloxía (Universidade de Santiago de Compostela), sostenibilidad (I.E.O.), a xestión integrada das zonas costeiras (Universidade de A Coruña), a perspectiva empresarial da investigación acuícola (CTAQUA) terán cabida en ACUI 2008.

Pola súa banda, tanto a Fundación Innovamar como GAIA, Asociación Clúster de Telecomunicacións a través do proxecto Eurolatsea que mide as capacidades tecnolóxicas no sector acuícola, terán o seu espazo no desenvolvemento das Xornadas Técnicas os días 4 e 5 de xuño, respectivamente.

O último día de ACUI 2008 a Sociedade Española de Acuicultura,S.E.A., celebrará a súa asemblea. Con anterioridade o seu presidente, Daniel Baez, dará unha conferencia sobre as posibilidades de aplicar unha normativa á acuicultura española tomando como precedente o estándar Noruego NS9415E. Andrés Gradín resaltou a importante presenza nesta edición de ACUI de técnicos e expertos mundiais como un dos principais atractivos do certame.

O REI ESCUSA a SÚA AUSENCIA.

Andrés Gradín informou de que o seu Maxestade El Rei Juan Carlos remitiu un comunicado no informaba da imposibilidade de acudir persoalmente a este certame, no que aceptou asumir a presidencia de honra proposta pola organización de ACUI.

Nas súas declaracións Gradín expresou o seu agradecemento á Casa Real polo prestixio que achega ao certame contar cun apadriñamento tan significativo. Así mesmo, cualificou como "bo sinal" a aceptación desta proposta por parte do Monarca e a relacionou co alto nivel de participación e o prestixio que foi acrecentando a reputación do evento, algo que non se lograra con iniciativas anteriores vinculadas a este sector.

"Encheunos de satisfacción a decisión do seu Maxestade El Rei de aceptar a presidencia de honra da Feira, pois non é habitual que teña esa deferencia cara a un certame", manifestou ao respecto.

Respecto á elección de Vilagarcía como sede de ACUI, que se mantén invariable dende 2005, Andrés Gradín sinalou que é "a localización ideal", xa que é unha das cidades galegas máis vinculadas coa acuicultura e recordou a celebración de certames relacionados con outros produtos do mar na localidade, como o mexillón e o rodaballo.