ACUICULTURA - ESPAÑA: O BNG insiste en modificar o plan de acuicultura

Lunes, 11 Febrero, 2008

A pesar de que o PSdeG, a través do seu voceiro parlamentario Ismael Rego, rexeitou presentar no Pazo do Hórreo unha proposta conxunta para modificar o Plan Acuícola, o Bloque insiste en que este é o momento, inmersos en pleno proceso de contestación ás máis de mil alegacións presentadas, para facer os cambios oportunos ante as protestas por parte de plataformas veciñais, organizacións ecoloxistas, confrarías e concellos de distintas cores políticas. Por iso, Carlos Aymerich, voceiro parlamentario do BNG, e Bieito Lobeira, voceiro de pesca, rexistraron onte no Parlamento as preguntas para a súa resposta oral na Comisión de Pesca.

Segundo recolle a iniciativa nacionalista, os deputados propoñen "efectuar modificacións do proxecto do Plan acuícola, sempre na liña de garantir a sustentabilidade ambiental e social das plantas previstas, valorando mesmo a supresión ou a reformulación profunda dalgunha das previstas".

Tal e como manifestou Aymerich a pasada fin de semana, esta revisión estaría centrada especialmente na Costa da Morte, opoñéndose á construción das de Seiruga (Malpica), Camelle (entre Viamianzo e Camariñas) e Merexo (Muxía), sen descartar outros cambios no resto do planeamento para Galicia. De feito, o propio Bieito Lobeira amosou o seu rexeitamento á construción dunha macrogranxa de rodaballos en Laxe-Brava (Corrubedo), por ser un espazo de alto valor ambiental que quedaría danado con esta industria.

De feito, ademais da posible revisión das localizacións, o BNG defende a necesidade de impor unha serie de requerimentos obrigatorios para que as empresas acuícolas poidan instalarse na nosa costa. Así, na súa iniciativa, o BNG defende para o desenvolvemento da acuicultura a necesidade da depuración integral das augas procedentes das instalacións piscícolas, a xeración de emprego estable nas localidades directamente afectadas, minimizar o impacto ambiental e paisaxístico das instalacións, manter a pesca e o marisqueo tradicionais e, por último, impulsar a investigación orientada á cría de novas especies.

Un bo proxecto que garante o respecto ambiental

Toda unha serie de consideracións que xa foi rexeitada no seu día polo voceiro socialista no Parlamento, por entender que o Plan acuícola promovido pola consellería de Pesca é un "bo plan" e que, a pesar das reservas coas que o contemplan os nacionalistas, "garante un total respecto ambiental". A lea bipartita volve estar servida a escasos días de que empece a campaña electoral e con protestas espontáneas dos afectados á orde do día.

AS REACCIÓNS

Unha iniciativa que soa a mofa

O voceiro da Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Manoel Santos, cre que a chegada desta iniciativa despois de tanto tempo soa un pouco a "mofa" e pide a retirada total do proxecto.

O PPdeG fala de dobre moral
Por parte do PPdeG, o seu voceiro parlamentario, Manuel Ruíz Rivas, denuncia certa "dobre moral" dos nacionalistas neste tema, criticando as localizacións a nivel local e amparándoas na Xunta.