ACUICULTURA - ESPAÑA: Pesca continúa apoiando o proxecto de acuicultura continental en Namibia coa posta en marcha dunha fábrica de pensos

Sábado, 23 Febrero, 2008

Así, no transcurso da reunión, Abraham Iyambo trasladoulle á delegación española que en próximas datas estará montada unha fábrica de pensos para dar soporte ao Centro de Acuicultura Continental de Namibia que naceu froito da colaboración entre a Administración pesqueira galega, a Agencia Española de Cooperación Internacional (Aeci) e o Goberno namibio.

Este proxecto acuícola, que se está desenvolvendo na zona norte do país, concretamente na localidade de Omahenene, xurdiu co obxectivo de contribuír á seguridade alimentaria da poboación e contou con asesoramento galego no seu deseño, xestión e posta en funcionamento. A actividade comezou con estanques de engorde de peixe semi-intensivo, concretamente tilapia e peixe gato, dúas especies autóctonas do país africano.

A posta en marcha dunha fábrica de pensos representa un paso adiante nesta iniciativa coa que a Consellería de Pesca colabora dende o ano 2003, á vez que dá resposta a unha solicitude feita polo Goberno namibio durante a primeira viaxe institucional de Carmen Gallego a este país a finais de 2006. Naquel entón, prantexóuselle á titular de Pesca a necesidade de impulsar na zona unha fábrica de pensos para poder completar o ciclo produtivo das especies e así acadar a máxima rendibilidade do proxecto.

Titulacións náutico-pesqueiras

Outro dos temas tratados na xuntanza celebrada hoxe en Walbis Bay foi a validación das titulacións náutico-pesqueiras expedidas pola Xunta de Galicia. Neste eido, o representante do Ministerio de Transportes informou a Miguel Ángel López Sieiro que o Goberno namibio remitiu un escrito á Embaixada Española no que se comunica a superación das dificultades que se produciron.

Esto supón que os titulados náutico-pesqueiros galegos poderán desenvolver a súa actividade sen ningún obstáculo no país africano ata a publicación dunha nova normativa, tal e como se lle transmitiu, posteriormente nun encontro, aos representantes do sector pesqueiro galego en Namibia.

Cabe sinalar que a resolución deste tema produciuse gracias á actuación e cooperación dos gobernos galego e central, xunto coa Embaixada de España en Namibia e o goberno do país africano.

Inauguración da planta de Grupo Pereira
Por outra banda, na xornada de hoxe, a delegación galega encabezada polo secretario xeral da Consellería de Pesca e a embaixadora española en Namibia asistiron á inauguración da nova planta frigorífica e de elaboración do Grupo Pereira na cidade de Walbis Bay. O acto, que estivo presidido polo ministro de Pesca do país africano, contou coa presenza de numerosas autoridades e responsables da empresa viguesa.

O Grupo Pereira representa, xunto con outras compañías, ao sector pesqueiro galego en Namibia, onde se instalou no ano 1998. Na actualidade, conta con máis de 200 traballadores e catro unidades pesqueiras e ten prevista, nun futuro próximo, a incorporación dunha nova liña de produción e transformación.