ACUICULTURA - ESPAÑA: Pesca (Galicia) destina 74 millóns de euros a axudas para a mellora da transformación e a comercialización dos produtos pesqueiros

Lunes, 12 Mayo, 2008
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 86) unha Orde pola que se establecen as normas reguladoras e se convocan para este ano axudas a investimentos para a mellora da transformación e a comercialización dos recursos da pesca, o marisqueo e a acuicultura. Para esta medida, cóntase cun orzamento de máis de 74 millóns de euros financiados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP), cuxo período de aplicación vai do 2007 ao 2013.

Os beneficiarios desta achega poderán ser persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares de establecementos de transformación e/ou comercialización de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura xa existentes en Galicia, e tamén aquelas que establezan na nosa comunidade novos centros. Así mesmo, e atendendo aos criterios esixidos polo regulamento do FEP, as axudas irán destinadas ás microempresas, pequenas e medianas empresas (Pemes) e a aquelas con menos de 750 empregados ou cun volume de negocio inferior aos 200 millóns de euros.

Os proxectos susceptibles de ser subvencionables son os que contemplen investimentos en activos fixos e materiais novos para a creación, ampliación e modernización das instalacións ubicadas en Galicia. Estas axudas terán por obxecto cuestións relativas á mellora das condicións de traballo; á mellora e seguimento das condicións hixiénicas e de saúde pública ou da calidade das produto; redución do impacto negativo no medio ambiente; produción de alta calidade; un mellor emprego de especies pouco aproveitables, subprodutos e residuos; produción ou comercialización de novos produtos, e comercialización de recursos procedentes dos desembarques locais e da acuicultura.

Así mesmo, os gastos para os que se poderán solicitar axudas son a construción, adquisición, ampliación, modernización ou acondicionamento de bens inmobles; maquinaria, instalacións e equipamentos de primeiro uso; gastos do proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade; instalacións telefónicas e fax, equipos e programas informáticos relacionados coas actividades de produción e comercialización da empresa, así como para adquirir elementos de transporte interno.

A norma publicada no DOG contempla, ademais, que o período establecido para a xustificación material e documental da finalización dos investimentos para os que se solicita a achega será ata o 31 de outubro deste exercicio. Hai que destacar que as axudas que regula esta orde teñen carácter de subvencións de capital e a porcentaxe máxima de contribución pública será igual ou inferior ao 60% dos gastos subvencionables. No caso de empresas que non teñan consideración de microempresas ou pequenas firmas (Pemes), a axuda para facer fronte ao investimento reducirase a un 30%.

O prazo de presentación de solicitudes para este ano 2008 será dun mes dende o día seguinte ao da publicación desta Orde, que foi o pasado martes, 7 de maio de 2008. Así mesmo, o departamento de Pesca emitirá e comunicará aos solicitantes a resolución das axudas nun prazo máximo de seis meses, contados a partir da difusión da convocatoria correspondente no Diario Oficial de Galicia.

Importancia do sector

As industrias galegas de comercialización e transformación dos recursos mariños teñen un importante peso na nosa comunidade, constituíndo un dos seus sectores estratéxicos. Así mesmo, actúan como dinamizadoras en zonas altamente dependentes da pesca, pero tamén en áreas xeográficas do interior nas que a actividade industrial é escasa, creando emprego e colaborando no mantemento dun número relevante de postos de traballo.

Deste xeito, e debido á competitividade que teñen que afrontar no mercado internacional, considérase de interese o fomento de medidas como esta convocatoria de axudas que favorezan o seu desenvolvemento e que contribúan ao mantemento do papel relevante que exercen no conxunto da actividade económica de Galicia. Da mesma forma, a filosofía coa que nace o Fondo Europeo da Pesca fai referencia ao apoio aos investimentos no ámbito da transformación e a comercialización.

Finalmente, é necesario recordar que a esta convocatoria de axudas publicada no DOG hai que engadir a difundida o pasado mes de febreiro no boletín galego para o mesmo fin e que contaba cun orzamento de 25 millóns de euros, financiados con fondos IFOP.