ACUICULTURA - ESPAÑA y LATINOAMÉRICA: Galicia: Pesca e FAO asinarán un protocolo de colaboración para o desenvolvemento da acuicultura en América Latina e o Caribe

Miércoles, 30 Abril, 2008

A celebración destas dúas xornadas de traballo forma parte dunha visita oficial a Galicia dos representantes da FAO, que se prolongou durante dous días. O obxectivo desta viaxe foi abordar e perfilar coa Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a metodoloxía, o plan de traballo e o financiamento do futuro protocolo de colaboración que asinarán ambas as dúas institucións en materia de acuicultura. Este acordo busca apoiar o crecemento da acuicultura rural a pequena escala en América Latina e o Caribe, dentro dos obxectivos da FAO e de Pesca, facilitando e garantndor o desenvolvemento e o emprego sostibles da pesca e a acuicultura a longo prazo para loitar contra a pobreza.

Máis en concreto, preténdese levar a cabo ese apoio fomentando a gobernabilidade, o desenvolvemento de políticas e planificación da acuicultura nos países de América Latina e do Caribe; diseminar, intercambiar e mellorar as capacidades e experiencias técnicas; aplicar a nivel rexional o enfoque ecosistémico da acuicultura, e mellorar a execución do Código de Conducta da Pesca Responsable (CCRF). Do mesmo xeito, quérese favorecer e impulsar os mercados locais/rexionais para produtos de acuicultura e estimular o consumo de peixe entre a poboación.

Así mesmo, os programas que se tentarán realizar para acadar os obxectivos marcados nestas áreas promoverán o desenvolvemento de pequenos produtores e agrupacións de acuicultores rurais; potenciarán os mercados e o aumento do consumo local de peixe de acuicultura; mellorarán os sistemas produtivos acuícolas e impulsarán boas prácticas de manexo.

Relación coa FAO

A relación e a colaboración existente entre a Xunta de Galicia e a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación non é nova. O pasado mes de outubro ambas as dúas institucións asinaron un protocolo ao amparo do Acordo-Marco entre España e a FAO do ano 2004. Ademais, o pasado día 7 de novembro de 2007, a Conselleira de Pesca mantivo unha primeira xuntanza en Santiago de Compostela co coordinador do programa de Cooperación descentralizada de FAO, Javier Pérez de Vega, na que ambos acordaron buscar ámbitos de colaboración en materia de cooperación pesqueira internacional en países necesitados de axuda.

Neste sentido, hai que lembrar que o executivo autonómico conta cunha longa experiencia en materia de cooperación pesqueira e acuícola. Boa proba disto é que, na actualidade, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos realiza accións de cooperación ao desenvolvemento con 15 estados (Perú, Honduras, Nicaragua, Panamá, Costa Rica, El Salvador, Belice, Guatemala, Brasil, Namibia, Guinea Bissau, Cabo Verde, Sao Tomé e Príncipe, Mozambique e Angola). Así mesmo, no marco destas actuacións ten unha vinculación moi directa e fluída cos países en desenvolvemento a través dos diferentes programas e proxectos de cooperación que desenvolve.